Saltar ao contido

Xacobeo 2021

A tranquilidade e a ausencia de masificación, e o rico e importante patrimonio natural e cultural da provincia de Ourense suman valor ao trazado do Camiño desde aquí, e razóns de ser para que MUSGO se estableza na capital como adianto do ano 2021, para conectar o Xacobeo e Ourense, a peregrinaxe e a cultura ourensá, a música e o Camiño.

Como antesala do próximo Ano Santo, MUSGO quere servir para visibilizar e dinamizar as rutas do Camiño que percorren a provincia de Ourense cara Santiago: o Camiño Sanabrés, con orixe en Andalucía (popularmente coñecido como “Vía da Prata”), e o Camiño do Sueste, procedente de Alacante.

Ambas rutas conflúen en A Gudiña na súa entrada á provincia, desde onde parten logo dous ramais ben diferenciados que aínda manteñen vivo o debate sobre cal deles é o histórico, se o que parte polo norte cara a Laza e Xunqueira de Ambía, ou o que prosegue polo sur, por lugares como Verín, Xinzo ou Allariz, sumando neste tramo a peregrinos e peregrinas procedentes do nordés de Portugal.

As dúas alternativas únense antes de chegar a Ourense, que recibe ao peregrino no núcleo rural de Seixalbo, un conxunto de valor etnográfico que aínda conserva a súa traza medieval. Logo de atravesar o Miño, a ruta continúa, ben por Cudeiro e Tamallancos, ou por Canedo e Quintela, cara a Cea, localidade de renome polo seu pan, onde, de novo, xorden opcións no percorrido, coa posibilidade de buscar a hospitalidade do mosteiro de Oseira antes de continuar o Camiño cara ás terras do Deza e ata Santiago.

peregrino